A Radio Galega convida os oíntes a ver este xoves 'Ao Contraataque' desde A Sede - CRTVG
A Radio Galega convida os oíntes a ver este xoves 'Ao Contraataque' desde A Sede
A presidenta Marián Mouriño e o adestrador Claudio Giráldez, principais convidados a partir das dez da noite
Santiago, 18.11.2024.- O programa deportivo da Radio Galega 'Ao Contraataque' convida os oíntes para presenciar en directo a emisión este xoves dunha edición dedicada ao Celta desde A Sede, na rúa Príncipe.
A presidenta, Marián Mouriño, e o adestrador do primeiro equipo, Claudio Giráldez, serán os protagonistas a partir das dez da noite. Pedro Pablo Alonso, director do espazo, tamén dará visibilidade ao recén creado equipo feminino, que compite na Terceira Federación.
A presenza de 'Ao Contraataque' esta semana en Vigo prodúcese na semana en que o equipo vigués afronta un dos partidos máis atractivos da temporada, recibindo o sábado en Balaídos o FC Barcelona. Tras o paro polos compromisos das seleccións, o Celta regresa á competición ligueira enfrontándose ao líder, aínda que na última xornada perdeu en San Sebastián fronte á Real Sociedade.
Marián Mouriño analizará nos micrófonos da Radio Galega o primeiro ano de xestión á fronte do club centenario. Mentres, Claudio fará balance da primeira parte do campionato e responderá ás moitas preguntas que xurdirán sobre o encontro fronte ao Barça.
'Ao Contraataque' tamén reservará un tempo para a presentación do equipo feminino, denominado As Celta, e acaba de estrearse na Terceira RFEF co obxectivo de ir ascendendo de categorías nas próximas temporadas para achegarse á categoría profesional de Primeira F.
Como cada día, a emisión de 'Ao Contraataque' chegará a través da FM da Radio Galega e a plataforma AgalegaAudio.Gal, onde ao remate do programa xa estará dispoñible o enlace para a escoita en diferido.