div-crtvg-top1

Publicidade

Menú de navegación

Logo de CRTVG

Ruta de navegación

A CRTVG busca a canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2024

Á oitava edición do certame pódense presentar temas inéditos e orixinais escritos e cantados en lingua galega

O prazo para participar remata o 9 de xuño e o/a gañador/a, que recibirá un premio de 1.500 euros, coñecerase o día 13 dese mes

crtvg.gal 21/05/2024 14:12

Santiago, 21.05.2024.-    A CRTVG anda á a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abriron a convocatoria dun certame que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.500 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na oitava edición do concurso teñen ata o 9 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2024@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un vídeo.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 13 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse na web da Corporación.

A canción gañadora desta edición do concurso sucederá a ‘Son feliz’, un tema do profesor de música de Foz Pedro Abelardo Rodríguez, que o ano pasado convenceu o xurado por ter todos os ingredientes para ser a canción do verán e pola historia de superación que conta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
NOTICIAS CORPORATIVAS

div-crtvg-top2

Publicidade