As traiñeiras comparten esta fin de semana protagonismo coa pretemporada do Celta na programación deportiva dos medios públicos galegos - CSAG
As traiñeiras comparten esta fin de semana protagonismo coa pretemporada do Celta na programación deportiva dos medios públicos galegos
A G2 e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo a Bandeira Concello de Oleiros, da Liga Galega, e as Bandeiras CMO Valves e Orio Kanpina, da Liga ACT
A través da primeira canle, os espectadores poderán ver o sábado o partido amigable dos de Claudio Giráldez contra o Spórting de Braga, un dos equipos máis destacados do país veciño

Santiago, 18.07.2025.- Como cada fin de semana de verán, as traiñeiras destacarán na oferta deportiva da G2 e a plataforma AGalega.gal, pero desta volta compartirán protagonismo co fútbol, cun novo partido da pretemporada do Celta -que se ofrecerá en directo a través da primeira canle- e co Campionato de Seleccións de Billarda e de Chave.
As retransmisións comezarán o sábado ás 16:00 h, cando se disputará a Bandeira Concello de Oleiros, puntuable para a Liga Galega de Traiñeiras. A continuación, ofrecerase a quinta xornada das ligas Euskotren e da Eusko Label, que terá lugar na baía guipuscoana de Pasaxes. A II Gertu Eraikuntzak Bandeira será a primeira en disputarse, ás 17:20 h. Tras a competición feminina, ás 18:10 h, dará inicio a IV Bandeira CMO Valves do campionato masculino. A carreira estreará un novo campo de regateo, a unha soa ciaboga e dous longos, onde as traiñeiras competirá dunha nunha e a contra o reloxo.
O sábado pola tarde, os usuarios de AGalega.gal tamén poderán ver en directo o Campionato de Seleccións de Billarda (17:00 h) e de Chave (18:00 h). Trátase dun evento anual en que equipos que representan diferentes zonas de Galicia compiten nestes dous deportes tradicionais galegos, que adoitan atraer un gran número de participantes e espectadores.
E, pola noite, a primeira canle da TVG e a plataforma AGalega.gal ofrecerán en directo, a partir das 21:00 h, o segundo partido de pretemporada do novo EuroCelta, un equipo renovado que se prepara para escribir unha nova páxina no seu camiño por Europa. Despois do seu enfrontamento contra o F. C. Famalicão no primeiro encontro da intensa pretemporada 25/26, o conxunto dirixido por Claudio Giráldez medirase a outro equipo portugués, o Spórting de Braga, un dos clubs máis destacados do país veciño e habitual nas competicións europeas.
Na xornada do domingo, retransmitirase a Bandeira Orio Kanpina, outra das probas da Liga ACT de traiñeiras. A proba feminina comezará ás 11:15 h e a continuación, ás 12:10 h, disputarase a regata masculina.