div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CRTVG

Camiño de navegación

CRTVG Viva

Publicador de contidos

O espazo 'Sala G' réndelle esta noite tributo a Pucho Boedo, o artista que fixo grande a verbena galega

Santiago, 21.06.2025.-    Este sábado, a ‘Sala G’ (22:10 h) abre na Televisión de Galicia as portas do seu templo musical para renderlle tributo ao artista que fixo grande a verbena galega e a fixo voar polo mundo enteiro: Pucho Boedo, o galán coruñés, a voz eterna dos Tamara, o ídolo que emocionou emigrantes, salas de festa e mesmo o Olympia de París.

Nesta noite única, Roi Casal, Luis Rey, Javi Maneiro, Adrián Castiñeiras e Diego Barbazán defenderán o seu legado con himnos que forman parte da memoria colectiva galega. Un equipo de luxo para facer vibrar a ‘Sala G’ co espírito e o estilo inconfundible de Pucho.

En fronte, o equipo de Todos, armado por Manuel de Andrade, presumirá de variedade, retranca e moito ritmo: Laura Añón, Awa Fami, G Face, Xurxo Fernandes, César Romero, Capitán Sabrosura e o explosivo King África están listos para rachar co pasado e poñer ao público a brincar co mellor da verbena actual. Neste enfrontamento de Pucho Boedo contra Todos, os espectadores da TVG vivirán unha velada de lembranza, festa e ledicia.

Pero a ‘Sala G’ non é só música, senón tamén espectáculo puro, co incombustible Arturo Fernández á fronte, o imprevisible Fran Nogueira repartindo tarxetas e salseo entre o público e o mestre de mestres DJ Rokiño, encargado de subir a temperatura ata o último minuto.

Ao longo do programa repasarase a vida e a traxectoria de Pucho Boedo: os seus éxitos, anécdotas, o seu estilo de crooner galego e todo o que fixo del unha icona que transcende xeracións.

ler máis

O verán chega a Xabarín.gal cunha chea de series, cine infantil e clásicos renovados

Santiago, 20.06.2025.-  A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) reforza este verán a súa oferta infantil na plataforma dixital Xabarín.gal, cunha programación renovada, educativa e chea de diversión para os máis pequenos da casa. O inicio das vacacións chega cargado de estreas, clásicos actualizados e contidos especiais que acompañarán á cativada galega durante toda a tempada estival.

Un dos grandes atractivos deste verán é a chegada, por primeira vez en galego, da serie de animación ‘As aventuras de Paddington’ (desde o 23 de xuño), protagonizada polo entrañable osiño que vive en Londres. Tamén se incorpora á plataforma ‘Citizen code’ (desde o 25 de xuño), unha proposta divulgativa que introduce os rapaces na cultura dixital, ofrecendo ferramentas para entender e navegar con seguridade no mundo da informática.

O cinema tamén terá un protagonismo especial en Xabarín.gal, con títulos destacados como ‘A tartaruga vermella’ (27 de xuño), ‘O neno e o mundo’ (18 de xullo),  ‘Coppelia’ (4 de xullo) e a película infantil galega ‘A casa da luz’ (25 de xullo), que se estrearán ao longo dos meses de xuño e xullo.

Non faltarán os clásicos favoritos do público infantil. Doraemon e Shin Chan regresan con novos episodios desde o mes de xuño, e tamén volve ás pantallas galegas Pipi Mediaslongas, coas súas aventuras inconfundibles. A plataforma continuará ampliando as súas producións máis recentes, como ‘Os Bolechas: historia de Galicia’ (25 de xullo), ‘Can cheirento’ (1 de xullo) ou ‘A patrulla canina’ (8 de xullo), que estrearán novos capítulos durante o verán.

Entre os contidos máis destacados cómpre salientar a estrea dunha sección especial o 24 de xullo dedicada aos 40 anos de programación infantil na TVG.

Ademais, ao longo de agosto, seguirán chegando novidades como a serie ‘Angus & Cheryl’ (14 de agosto), máis capítulos de ‘Boom e Reds’ (8 de agosto), e novos contidos de ‘Chupóns’ (22 de agosto) e ‘Os misterios de Alfred’.
 

ler máis

A G2 e AGalega.gal retransmiten este venres o terceiro partido da final da Liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Barcelona

Santiago, 20.06.2025.-    A noite do venres está reservada esta semana ao hóckey a patíns na programación deportiva da G2 e na plataforma AGalega.gal. A partir das 20:30 h, o equipo de Deportes ten preparada unha ampla despregadura para contar desde o palacio dos deportes de Riazor o terceiro partido pola Liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo da Coruña e o Barcelona. Os dous primeiros, disputados no Palau, remataron con dúas vitorias contundentes do equipo azulgrá: 6-2 e 6-0. O cadro que prepara Juan Copa está obrigado, polo tanto, a gañar o venres para forzar a cuarta cita, que se disputaría o domingo ás 12:30 h, tamén coa emisión en directo a través da G2.

O sábado, o fútbol sala vai ser o protagonista por partida dobre co desenlace das finais de ascenso á Primeira División feminina. Ás 17:00 h, as xogadoras do Vilalba defenden o 5-3 obtido na Terra Cha a semana pasada fronte ao Penya Esplugues catalán, un equipo con tradición na elite española. A partir das 19:00 h, o Bembrive de Vigo recibe o Chiloeches e parte coa desvantaxe do 2-0 encaixado na Alcarria o sábado pasado.

Xa o domingo, o motocrós volverá chamar á porta coa disputa do Gran Premio de Gran Bretaña MXGP. As dúas mangas poderanse ver de xeito simultáneo na G2 e en AGalega.gal, coa primeira competición ás 15:00 h e a segunda partir das 18:00 h. Entre unha e outra chegarán as finais da Copa Ribadumia de fútbol base, en que se reúnen as mellores canteiras do fútbol galego, o resto de España e mesmo de Portugal. 

A partir das 19:00 h, os espectadores poderán gozar dun encontro histórico para a Sarriana, que está a 90 ou 120 minutos de ascender por primeira vez á Segunda RFEF. O equipo da provincia de Lugo obtivo un positivo empate a cero en Pulpí o domingo pasado ante o Pulpileño e válelle a vitoria por un gol no seu campo da Ribela para dar o salto de categoría.

Deportes nos Telexornais

A primeira canle da Televisión de Galicia ofrece na fin de semana amplos espazos de información deportiva dentro dos informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e Telexornal Serán’. O Mundial de Clubs, que se disputa nos Estados Unidos, volverá ter presenza con atención aos encontros que disputan os dous equipos españois. O Real Madrid enfróntase o domingo ao Pachuca, mentres o Atlético de Madrid preparará o compromiso do luns fronte ao Botafogo. Outro dos argumentos da actualidade pasará polo Campionato de Europa sub-21, en que a selección española afrontará o cruzamento de cuartos de final. 

O deporte ás 24 horas do día

Durante todo o día, o equipo de Deportes da CRTVG traballa para informar ao momento a través da plataforma g24.gal e da conta de X @EnXogo_tvG2, onde os seareiros atoparán as informacións máis completas coas principais imaxes da noticia.

ler máis

As finais de fútbol, fútbol sala e hóckey sobre patíns centran o 'Galicia en Goles' na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Santiago, 19.06.2025.-    O ‘Galicia en Goles’ continúa durante o mes de xuño contando o final de temporada dos equipos galegos. O venres, a partir das 20:30 h e ata as 00:00 h, Roberto Carlos Carballo porá en marcha a primeira edición da semana, con atención especial ao terceiro partido da final da Liga de hóckey sobre patíns entre o Liceo e o Barcelona. O conxunto catalán chega a Riazor con dúas vitorias de vantaxe, tras facer valer o factor cancha o sábado e o luns pasados.

O sábado, a partir das 14:20 h e ata as 00:00 h, o protagonismo será primeiro para o tríatlon desde Pontevedra, coa disputa das probas elite e sub-23 de dúatlon. Outro dos argumentos para a primeira hora da tarde estará en Zas, onde o club local de fútbol celebra os 50 anos de existencia cun partido de veteranos entre o Spórting e o Deportivo da Coruña. Tamén haberá tempo para o fútbol base co torneo organizado polo Oza Juvenil no campo de Vilaboa, no concello de Culleredo. O fútbol sala tomará o mando a media tarde, coas finais de ascenso á Primeira División feminina: Penya Esplugues-Vilalba e Bembrive-Chiloeches. O ciclismo de montaña completará a oferta da xornada, co Campionato Galego de BTT cross country na localidade pontevedresa de Ribadumia.

A edición matinal do domingo comezará ás 11:45 h para estar pendente das semifinais femininas da Copa Deputación da Coruña, que se disputan no campo da Marola, en Mera. O calendario ábreno as xogadoras do Victoria da Coruña fronte ao Dumbría e a continuación chegará o enfrontamento entre O Val e o Boiro. Pola tarde, a quenda será para os equipos masculinos, primeiro co Mugardos-Montañeiros e logo o Negreira-Dumbría. A cita máis importante do calendario situará a audiencia no campo da Ribela, en Sarria, onde o equipo local se enfronta ao Pulpileño por unha praza na Segunda RFEF da próxima temporada. A eliminatoria continúa tras o empate a 0 do domingo pasado en Pulpí. O tríatlon estará presente en Pontevedra, cunha xornada dedicada á disciplina do dúatlon.

Ao remate da xornada da fin de semana, contra 22:00 h do domingo, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ debaterán sobre os proxectos dos clubs galegos para a próxima temporada. Esta semana, a renovación de Yeremay polo Deportivo da Coruña e a saída de Fer López do Celta ao fútbol inglés foron os principais asuntos nos primeiros movementos do mercado.

#GaliciaEnXogo

O proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo estará presente na antena da Radio Galega e AGalegaAudio.gal na última hora do sábado. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez repasará o máis importante da semana no mundo do motor, coa previa do Gran Premio de Gran Bretaña de motocrós na categoria MXGP. A partir das 23:30 h, Toni López actualizará a información dos deportistas galegos que compiten este ano co obxectivo de mellorar as marcas para os Xogos dos Ánxeles 2028.

ler máis

TVG, EiTB e 3CAT coproducen a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado

Montse Besada, xefa de Contidos de TVG, Gorka García, director Artístico e de Entretemento de ETB e Oriol Sala-Patau, xefe do departamento de Ficción e Cine de 3CAT

Cuenca, 18 de xuño de 2025 – As televisións públicas de Euskadi (EITB), Cataluña (3CAT) e Galicia (TVG) anuncian hoxe, no marco do foro Conecta FICTION & ENTERTAINMENT, a súa asociación para crear ‘Pensión Incompleta’, un proxecto de ficción inédito no panorama audiovisual estatal: a primeira serie gravada nas catro linguas oficiais do Estado, nas que conviven galego, éuscaro, catalán e castelán como linguas orixinais de produción.

            A serie —aínda en fase de desenvolvemento e cun inicio de rodaxe previsto para o final deste verán— marca tamén a primeira coprodución de ficción protagonizada exclusivamente por estas tres corporacións públicas, que se alían para crear un proxecto compartido de raíz cultural, enfoque territorial e vocación internacional.

            O proxecto contará tamén coa coprodución de Voz Audiovisual, empresa galega con ampla traxectoria en ficción, que asumirá a xestión da rodaxe e a execución do plan de produción, e  tamén terá financiamento a través do AGADIC.

            A proposta constrúese sobre unha estrutura de guión compartida, que reúne profesionais de Galicia, Euskadi e Cataluña, achegando olladas diversas, sensibilidade local e vocación integradora. Trátase dunha fórmula de traballo que non só abre un novo camiño de colaboración interterritorial, senón que pon en valor as culturas propias e a riqueza idiomática como motores narrativos.

            A serie desenvolverase como unha road movie que conecta os tres territorios históricos do Estado, con rodaxes previstas en localizacións reais de Galicia, Euskadi e Cataluña. Ademais da súa vocación simbólica, o percorrido terá un impacto directo na posta en valor do patrimonio cultural, artístico e paisaxístico das tres comunidades.

            ‘Pensión Incompleta’ constitúe unha aposta estratéxica pola innovación en formatos de coprodución pública, cunha estrutura aberta a futuras extensións de colaboración. Non se trata só dun contido de entretemento, senón dun paso firme cara a unha maior cooperación cultural e industrial entre televisións autonómicas con vocación de servizo público.

            A serie, que foi presentada esta tarde en Cuenca por responsables de contidos das tres canles —Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos da TVG; Gorka García, director de Arte e Entretemento de ETB; e Oriol Sala-Patau, xefe do Departamento de Ficción e Cinema de 3CAT—, ten como punto de partida un grupo de aparentemente entrañables viaxeiros do IMSERSO que, da noite para a mañá, se converten nos principais sospeitosos da desaparición de obras de arte. Será unha serie coral, para todos os públicos, e chegará ás pantallas destes tres territorios en 2026.

ler máis

AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal dan un pulo dixital de récord á CRTVG en 2024

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025 .–  O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu este mércores no Parlamento de Galicia para presentar a Memoria de Servizo Público correspondente ao ano 2024. No seu relatorio, destacou a consolidación da Corporación como eixo vertebrador do sistema mediático e cultural galego, tanto pola súa estabilidade institucional e solvencia económica como polo seu compromiso firme co servizo público, coa lingua galega, coa igualdade e coa modernización tecnolóxica.

 A CRTVG pechou o exercicio 2024 cun resultado positivo de 1,33 millóns de euros e un remanente de tesouraría de 24,6 millóns, datos que evidencian unha xestión responsable e sostible ao longo dos últimos 16 anos nos que a Corporación rematou todos os exercicios en superávit, permitindo así enxugar en máis do 90% o déficit estrutural que en 2009 superaba os 51 millóns de euros. 

Durante 2024 culminouse tamén o proceso de estabilización do 100% do cadro de persoal consolidando 249 postos de traballo, e comezando unha senda de procesos de contratación de forma regular e debidamente regulamentados.

A TVG foi a canle autonómica máis vista de España e líder en Galicia segundo o Estudio Xeral de Medios, e a terceira canle máis vista da FORTA (o mesmo posto que en 2023) segundo o medidor Kantar Media. As plataformas dixitais AGalega.gal, AGalegaaudio.gal e Xabarín.gal superaron os 2 millóns de usuarios no seu primeiro ano de vida, con máis de 28.500 contidos publicados, e foron descargadas en máis de 200 países, “converténdose no que xa é a maior oferta da historia de contidos audiovisuais baixo demanda en galego”, destacou o director xeral.

As redes sociais experimentaron un crecemento extraordinario: as reproducións de vídeo creceron un 1.200% en YouTube, con 13 millóns de reproducións e 62 millóns de impresións; un 185% en Instagram, pasando dos 74 millóns de reproducións ata os 211 millóns. Ademais, esta rede xerou o maior engagement de todas as redes; un 192% en TikTok, este ano logrouse que os vídeos emitidos se reproducisen 149 millóns de veces, “á vista dos datos, estamos no momento de maior alcance, relevancia e difusión da historia dos medios públicos de Galicia”, destacou o director xeral.

Ademais, o portal informativo G24.gal consolidouse como un referente  con preto de 20.000 noticias publicadas, o que supón unha media de 55 novas ao día. “Estes datos reflicten a nosa capacidade para conectar coa cidadanía en novos formatos e plataformas”, destacou Sánchez Izquierdo.

O 95% da programación da primeira canle foi producida en Galicia e por empresas galegas. A CRTVG mantivo a súa aposta firme polo tecido audiovisual do país, consolidándose como un motor fundamental da economía creativa galega.

A nivel tecnolóxico, a Corporación acometeu avances significativos como a implantación de sistemas avanzados de ciberseguridade (SIEM, DFIR, SOC) e a modernización da infraestrutura da Radio Galega. 

No 2024 a CRTVG reafirmou o seu compromiso como axente dinamizador da lingua galega como eixo vertebrador da súa identidade e actividade, tanto nos contidos lineais como dixitais. 

Control institucional e transparencia

No apartado institucional e de transparencia durante o ano 2024, o director xeral compareceu 8 veces no Parlamento de Galicia, respondeu 22 preguntas orais e 17 escritas. A CRTVG non recibiu ningunha queixa perante a Valedora do Pobo e foi obxecto, coma sempre, do control tanto do Consello de Administración como da Comisión de Control do Parlamento de Galicia, de auditorías externas como a do Consello de Contas, entre outras entidades fiscalizadoras. “Os datos aquí presentados falan dunha Corporación solvente, estable, profesionalizada, próxima á cidadanía, innovadora tecnoloxicamente, comprometida coa lingua galega e conectada cos retos da sociedade contemporánea”, concluíu o director xeral durante a súa intervención.

ler máis

A road movie 'Cariñena, viño do mar', participada pola TVG, preestréase este xoves

Santiago, 18.06.2025.- O cine Palafox de Zaragoza acolle este xoves a preestrea de ‘Cariñena, viño do mar’, unha longametraxe participada pola Televisión de Galicia e Aragón TV que se presenta como unha emotiva road movie de iniciación ambientada na España da Transición. A película, ópera prima do director Javier Calvo, chega ás salas comerciais o 20 de xuño da man de Filmax.

Baseada na novela autobiográfica do xornalista e escritor galego Antón Castro, Premio Nacional de Xornalismo Cultural, ‘Cariñena, viño do mar’ narra a historia de Antón, un mozo galego de 18 anos que, no ano 1978, decide fuxir do servizo militar e emprender unha viaxe que o levará de Galicia a Aragón. En Zaragoza atopará un grupo de obxección de conciencia e, pouco a pouco, irá descubrindo a súa verdadeira vocación como escritor, mentres loita por abrirse camiño nun país que tamén está a buscar o seu propio rumbo. A busca de traballo lévao a Cariñena, onde coñece a Miguel, con quen forxa unha amizade inesperada. Entre barracóns, viñedos e risas, Antón atopa tamén o amor fugaz de Cris e a amizade de Palmira e Isidro, dúas figuras que o axudan a crecer e a comprender o mundo ao que se enfronta.

A película está protagonizada por Diego Garisa e Alejandro Bordanove, e conta cun elenco coral en que destacan Itziar Miranda, Nacho Rubio, Blanca Laínez, Alba Martínez, Ricardo Joven, Paco Paricio e Javier Aranda, entre outros. Rodada en máis de trinta localizacións entre Galicia e Aragón durante sete semanas, ‘Cariñena, viño do mar’ é unha produción de Varykino Films e Producións A Fonsagrada-Filmax, coa participación da Televisión de Galicia e Aragón TV, o patrocinio da Denominación de Orixe Protexida Cariñena e o apoio dos Fondos FITE, o Goberno de Aragón, a Deputación de Zaragoza, o Concello de Zaragoza e o Concello de Cariñena. A localización da rodaxe contou coa colaboración de Aragón Film Commission, Zaragoza Film Office e Teruel Film Commission. A distribución en España corre a cargo de Filmax.

Segundo o seu director, Javier Calvo, esta é unha historia profundamente persoal e “a pesar de tratarse dunha trama baseada en feitos reais, realmente é unha historia universal de calquera mozo nese momento de transición á idade adulta”. Un relato xeracional que fala sobre a amizade, a liberdade e a importancia de escribir o propio destino.
 

ler máis

A serie documental 'O imán do Amazonas', conducida por Tonhito de Poi, e a ficción belga '1985', estreas destacadas esta semana en AGalega.gal

Santiago, 16.06.2025.-    A oferta da plataforma AGalega.gal para esta semana comeza hoxe coa estrea da serie belga ‘1985’. Baseada en feitos reais, segue os amigos Marc e Franky e mais a irmá deste, Vicky, ao longo dos turbulentos anos 80 en Bélxica, cando o país sufriu unha onda de crimes e atentados que se atribuíron á chamada banda Bende van Nijvel, paramilitares de extrema dereita presuntamente formados polo Estado.

A outra grande estrea da semana, que chegará o xoves 19 de xuño, é a serie documental ‘O imán do Amazonas’. Nela, Tonhito de Poi fai unha viaxe fascinante cara ás profundidades da selva amazónica. Alí coñece a César, un galego asentado xunto coa súa familia na foresta peruana. Gran coñecedor das menciñas ancestrais e da fauna orixinaria, compartirá con Tonhito a súa experiencia e xuntos visitarán os mercados e falarán coa poboación autóctona.

O domingo 22 a novidade será o programa ‘Pais en apuros’. Presentado por María Mera, o formato pretende darlles resposta ás dúbidas dos pais e nais de Galicia dun xeito didáctico e divertido. Ese día poranse á disposición as cinco primeiras entregas.

Ademais, o mércores, os usuarios de AGalega.gal poderán gozar do segundo capítulo do programa ‘A nosa movida’, que será protagonizado polo grupo Boyanka Kostova. Os composteláns chegan para rachar esquemas falando de deporte, calvicie, moda en chándal e música con retranca, todo isto nunha sesión cargada de risas, conexión coa audiencia e un ritmo imparable.

Por outro lado, o catálogo de cinema da plataforma dixital da CRTVG ampliarase estes días coa estrea dos filmes ‘Amor a distancia’ (martes 17 de xuño), protagonizada por Evi, que traballa e vive nunha gran cidade e se ten que adaptar a unha nova vida nunha aldea; ‘O duque’ (xoves 19), que conta a historia de Kempton Bunton, un taxista de 60 anos que en 1961 roubou o Retrato do duque Wellington, de Goya, da National Gallery de Londres; ‘Encerrada’ (venres 20), sobre unha nai que é secuestrada polo seu violento exmozo, e ‘A maxia do chocolate’ (sábado 21), baseada na historia real dun refuxiado sirio que se debate entre converterse en médico ou seguir a tradición familiar de fabricar chocolate.

ler máis

A CRTVG participa no I Foro Innova en Sevilla, que reúne profesionais das canles públicas


Santiago, 14.06.2025.- A CRTVG participou esta semana no I Foro Innova 2025 organizado pola canle pública andaluza, RTVA, e no que se reuniron arredor de 80 directivos e profesionais de emisoras públicas de toda España. Entre outros temas, durante o Foro Innova 2025 analizouse o papel da intelixencia artificial na xeración de contidos e os desafíos que implica en termos de investimento e transformación cultural. Asistiron tamén profesionais da comunicación, empresas e universidades, que debatiron sobre as novas narrativas audiovisuais e os retos do sector.

    A Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) celebrou ademais a súa  xunta xeral en Sevilla este xoves, nun encontro no que os máximos responsables das doce canles autonómicas que forman parte da Federación debateron e compartiron experiencias sobre decisións estratéxicas que impactan no panorama audiovisual dos seus respectivos entes.

    O director xeral de Radio e Televisión de Andalucía (RTVA), Juande Mellado, que desde xaneiro exerce a presidencia rotatoria de FORTA, subliñou algúns dos temas clave abordados, como “as axudas e incentivos á produción e coprodución audiovisual ou os desenvolvementos normativos e antes e anteproxectos de lei ao redor de ciberseguridade e dereito á rectificación”. Nestas xornadas as canles de FORTA reforzan os lazos de colaboración entre os entes, comparten experiencias e analizan as últimas tendencias e avances tecnolóxicos no ámbito audiovisual, co fin de implementar solucións innovadoras que melloren a oferta de contidos e a experiencia dos espectadores.

…………………………….

ler máis

O partido dos 40 anos da Televisión de Galicia xunta os xogadores do Celta e Dépor da Liga Genuine

Imaxe dun partido anterior da Liga Genuine con participación da TVG.

Santiago, 13.06.2025.-   A TVG fai 40 anos de vida neste 2025, e 40 anos de retransmisións de fútbol galego. Para festexalo, o domingo celebrarase na Madroa (Vigo) un partido moi especial no marco da última xornada do torneo MS2, que acolle un encontro entre os equipos Genuine de Celta e Dépor. Xusto despois deste terá lugar o partido de celebración (12:15 h), en que os xogadores da TVG e da Radio Galega, capitaneados por Terio Carrera, xogarán mesturados cos xogadores do Celta e do Dépor.

A CRTVG participa desta festa do fútbol, na última xornada do torneo que organiza desde hai seis anos o que fora xogador do Celta, do Real Madrid e da selección española Míchel Salgado. Ademais, a edición matinal do ‘Galicia en goles’ da Radio Galega situará a audiencia no campo da Madroa, en Vigo, para retransmitir o torneo e informar en directo do partido do 40 aniversario.

O torneo MS2 conta coa participación de 140 equipos e 2.000 xogadores con idades comprendidas entre os 8 e os 19 anos. A Liga Genuine é a competición de fútbol para persoas do colectivo DI (discapacidade intelectual) que organiza a Fundación LaLiga, e que representa o compromiso do fútbol profesional coa diversidade e a inclusión.

ler máis

A CRTVG abre unha convocatoria para a selección de 15 contidos dixitais para AGalega.gal e Xabarín.gal

Santiago, 10.06.2025.-        A CRTVG lanza unha nova convocatoria de contidos dixitais, cunha achega de ata 357.000 euros, para a produción de 15 novos proxectos destinados ás plataformas AGalega.gal e  Xabarin.gal.

    A Corporación distribuirá este orzamento entre proxectos de cinco categorías, ficción, entretemento, divulgación, infantil e videopodcast, que teñen que estar integramente realizados en galego. Todos os detalles da convocatoria atópanse no Portal de Transparencia da CRTVG, nesta ligazón.

    A CRTVG busca seleccionar contidos que incorporen innovación e modernidade na forma de achegalos ao espectador, que promovan a interacción e que destaquen pola orixinalidade da súa estrutura narrativa e enfoque. Os proxectos deben ser inéditos, integramente orixinais e que non fosen postos á disposición do público, agás no caso de novas temporadas de proxectos presentados en anteriores convocatorias. Con esta nova convocatoria dáse continuidade ao apoio dos medios públicos galegos aos profesionais galegos e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles dixitais.

ler máis

Tanxugueiras inaugura o espazo musical 'A nosa movida' da plataforma AGalega.gal

Santiago, 09.06.2025.-  Máis música e cultura galega nos medios públicos: ‘A nosa movida’ estréase esta semana en AGalega.gal e chegará tamén ás noites dos xoves en Televisión de Galicia. Conducido por Duarte Galbán, ‘A nosa movida’ ofrécese primeiro na plataforma dixital, este mércores 11, con Tanxugueiras como convidadas de luxo.

Gravado na emblemática sala Capitol de Santiago, o espazo ofrecerá entrevistas sen filtros con artistas galegos e actuacións en directo nun formato fresco, próximo e comprometido coa cultura do país, e que poderá verse na TVG os xoves despois de ‘Land Rober Tunai Show’.

Ficción galega, documentais e máis cine para a plataforma 

Outra estrea desta semana é ‘Nómades’, microserie de ficción galega que mergulla os espectadores nunha fin de semana crucial para dúas amigas, Martina e Sofía, que se enfrontan a verdades ocultas tras anos de amizade. A ficción supón un retrato íntimo sobre as decisións vitais e os camiños cambiantes, contado con sensibilidade e autenticidade.
    
Dentro do xénero documental ofrecerase desde o xoves ‘Naturalista do rural’, microserie sobre a natureza vista polos ollos da xente do campo. Cómpre salientar, amais, o programa ‘Xogas: novos horizontes deportivos’, que explora prácticas deportivas pouco coñecidas pero presentes no día a día.

E o venres 13 incorpórase a AGalega.gal ‘Desmontando a Barbie’, unha longametraxe documental que analiza seis décadas de historia da boneca máis famosa do mundo desde unha perspectiva feminista e de transformación social. A peza detense no chamado ‘Proxecto Amencer’ de Mattel, que buscou reinventar o mito de Barbie para conectar coas mulleres contemporáneas. Estará dispoñible só ata o 23 de xuño, polo que esta será a última oportunidade para vela na plataforma. Ademais,  esta semana a plataforma disporá das seguintes longametraxes: ‘Saúl, a viaxe a Damasco’, un filme relixioso sobre a conversión de Saulo de Tarso; ‘Os miserables’, thriller francés cheo de tensión nos suburbios de París, e a comedia romántica ‘Amor a distancia’ que se estreará o sábado 14.

En Xabarín.gal, máis animación e curtametraxes galegas

Os pequenos da casa disporán en Xabarin.gal, tamén desde o venres, de novos capítulos da serie de animación ‘Moby dick’. A maiores, a partir da próxima fin de semana incluiranse as curtametraxes do programa escolar ‘Nós tamén creamos!’, todas as curtas finalistas e as gañadoras. A gala de entrega de premios será o vindeiro día 18 de xuño.          

ler máis

A longametraxe da TVG 'Xustiza artificial, premio Celtic Media Festival 2025

Santiago, 05.06.2025.-    A longametraxe galega 'Xustiza artificial', coprodución hispano-portuguesa participada pola Televisión de Galicia alzouse este xoves co Premio Celtic Media Festival 2025 na categoría Single Drama (filme dramático). Recolleron o premio Fernando R Ojea, director de Contidos da CRTVG, e Montse Besada xefa de Contidos da TVG.

    O coruñés Simón Casal dirixiu e coescribiu este filme ambientado en Galicia, con especial protagonismo da cidade da Coruña. Protagonizado por Verónica Echegui, Alberto Amman, Tamar Novas e Alba Galocha, é unha coprodución hispano-portuguesa con participación de Abano Producións e da TVG. A cinta foi estreada en setembro de 2024.

    A 46ª edición do Celtic Media Festival celébrase esta semana na vila inglesa de Newquay, en Cornualla. Este festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualla e a Bretaña francesa.

É unha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a CRTVG establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns. As producións da TVG compiten cada ano con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. 

Premio tamén para o reality da TVG ‘Pesca total’

Ademais deste galardón, onte mércores o reality da TVG ‘Pesca total’ foi premiado no certame a categoría de ‘Factual Entertainment’. Trátase dun programa creado pola produtora Outro para TVG, en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco ‘Praia de Sanxenxo’. Foi a segunda vez nos 40 anos de vida da canle pública que un programa de TVG de non ficción recibe un premio internacional, despois do acadado polo informativo de humor ‘Malicia noticias’ en 2022. 

ler máis

O reality ‘Pesca total' da TVG, Premio Celtic Media Festival 2025

Fernando R Ojea, director de Contidos da CRTVG recolleu o galardón. Xunto a el, Esther González e Iago Veloso, da produtora Outro; e Natalia Penas e Montse Besada xefas de Contidos da RG e da TVG

Santiago, 04.06.2025.-    A produción da Televisión de Galicia ‘Pesca total’ foi galardoada este mércores co premio do Celtic Media Festival na categoría de Factual Entertainment (entretemento baseado en feitos reais) no transcurso dunha gala celebrada en Newquay, Cornualla (Reino Unido), onde esta semana ten lugar o festival.

‘Pesca total’ é un reality creado pola produtora Outro para TVG, en que seis concursantes compiten por converterse en mariñeiros a bordo do barco ‘Praia de Sanxenxo’. Emitido xa na TVG, ‘Pesca total’ competía con catro proxectos finalistas da BBC, un da canle irlandesa TG4 e outro da televisión de Gales S4C. O espazo está dispoñible na plataforma dixital dos medios públicos, AGalega.gal

Esta é a segunda vez nos 40 anos de vida da canle pública que un programa de TVG de non ficción recibe un premio internacional, despois do acadado polo informativo de humor ‘Malicia noticias’ en 2022. Neste foro profesional europeo recoñécense cada ano os mellores traballos do sector en televisión, radio e novos medios dos países celtas.

Recolleu o premio Fernando R Ojea, director de Contidos da CRTVG xunto a Esther González e Iago Veloso, da produtora Outro.

Este xoves haberá unha nova gala de entrega de premios. Desvelaranse máis galardóns, aos que optan as películas ‘As Neves’ e ‘Xustiza artificial’ (na categoría Single Drama, ou filme dramático). Na categoría de Drama Series, a CRTVG compite tamén con ‘Na Gloria’, comedia que combina retranca, costumismo surrealista e humor absurdo. A CRTVG conta tamén con outras nominacións. Destaca no medio radiofónico. Kiko Novoa como candidato a Presentador do Ano, e a Radio Galega opta ao recoñecemento como Mellor Estación de Radio.

No apartado Factual Series, competirán dúas producións da TVG, ‘Os ríos da vida’, unha serie que percorre os cursos fluviais galegos explorando as historias que agochan; e ‘Curando o mundo’, un seguimento do cirurxián Diego González Rivas na súa misión de ensinar polo mundo a súa innovadora técnica de cirurxía pulmonar minimamente invasiva. Outras candidaturas son as de ‘Recollendo músicas’ (Arte), unha serie que explora a pegada da música tradicional galega nas composicións actuais; ‘e ‘Raíña-me’ (na categoría de Short Form), espazo en que a artista Alexa Evans axuda a transformar a estética de persoas que queren converterse en auténticas drag queens.

    O Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 46 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualla e a Bretaña francesa. Trátase dunha cita obrigada para poñer en valor os produtos audiovisuais galegos no ámbito internacional e nel a Corporación establece sinerxías con televisións internacionais europeas, que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e proxectos comúns.

As producións da TVG compiten cada ano con canles como a británica BBC, as irlandesas RTE e TG4, a galesa S4C, a escocesa MG Alba ou a bretoa FR3. Entre as producións que optan aos galardóns atópanse ficcións, documentais, programas de entretemento e proxectos radiofónicos que reflicten a diversidade e a calidade da programación da CRTVG.

 

ler máis

O concerto máxico de Abraham Cupeiro en Meira e a estrea de 'O máis pop', entre as novas semanais de AGalega.gal

Santiago, 02.06.2025.-  A semana comeza na plataforma AGalega.gal, cunha programación variada que combina música en directo, deporte, formatos dixitais innovadores e cinema internacional. Do 1 ao 7 de xuño, cada día chega cunha estrea diferente para todos os públicos.

Hoxe destaca a estrea do concerto ‘Unha noite de inverno’, unha experiencia musical gravada na Igrexa monasterial de Meira. O multiinstrumentista Abraham Cupeiro lidera esta proposta acompañado por unha coidada selección de artistas convidados: Davide Salvado, Matthew Ward, Alba Barreiro, Antonio Cienfuegos, Cibrán Seixo, e a acordeonista Sabela Caamaño. 

A plataforma ten dispoñible tamén ‘O máis pop’, unha nova sección dentro do contido deportivo de AGalega.gal que ofrece unha ollada fresca e dinámica a disciplinas con forte pegada en Galicia, como o atletismo, o ciclismo e o piragüismo. 

O mércores 4 será a quenda da innovación dixital con ‘Nail Clue’, un programa presentado por Nuria Vil e dirixido á mocidade. Nela, tres artistas manicuristas compiten durante cinco horas para sorprender cun deseño de unllas postizas inspirado nun cliente misterioso. 

A plataforma incorpora tamén o venres unha nova entrega do programa ‘Galegos’ cunha entrevista a Xosé Luís Barreiro, político, profesor de Ciencias Políticas e autor de ‘A terra quere pobo’.

Cine internacional para todos os gustos: aventura, drama e comedia

No apartado cinematográfico, AGalega.gal ofrece esta semana unha coidada selección de filmes internacionais dispoñibles por tempo limitado. Incorpórase ‘A cidade perdida de Z’ (martes 3), baseada na historia real do explorador Percy Fawcett e a súa busca dunha civilización na Amazonia; ‘Capitán Fantástico’ (xoves 5) propón un retrato orixinal sobre a crianza alternativa e os conflitos co mundo moderno, que estará dispoñible 7 días; ‘Persecución ao límite’ (venres 6) é un thriller de acción nas rúas de Alemaña, onde o amor e a supervivencia son protagonistas, e para pechar a semana, chega a comedia francesa ‘Lola e os seus irmáns’ (sábado 7), unha historia entrañable sobre vínculos familiares. Todas estas películas estarán accesibles durante 7 días, agás esta última comedia, que poderá verse ao longo de 30 días.

En Xabarin.gal, todas as cancións de ‘Bibopalula’ e estrea da serie ‘Nubes’ 

A plataforma infantil Xabarin.gal pon a disposición da cativada desde este xoves as cancións da serie de animación musical ‘Bibopalula’. O sábado 7 comeza a xira do espectáculo teatral baseado nesta serie coproducida pola CRTVG, que foi, no seu lanzamento, unha das favoritas da audiencia.

Esta semana tamén chega á plataforma infantil ‘Nubes’ (venres 6), unha serie web infantil que busca que os nenos e nenas coñezan a natureza atmosférica. Está realizada con animación 2D e nela unha pequena nube vivierá unha aventura onde coñecerá outras formacións gaseosas en busca da lendaria Nube Arco da vella.
 

   

ler máis

Cristina Castaño protagoniza ‘Lume’, a nova serie de ficción da TVG

Santiago, 28.05.2025.-   Televisión de Galicia presenta en primicia ‘Lume’, a súa nova serie de ficción, este venres 30 de maio ás 21:00 h no Festival Internacional de Series Ría de Vigo nun evento ao que asistirán os seus protagonistas, Cristina Castaño, Isabel Naveira ou Xúlio Abonjo, e a súa directora, Giselle Llanio. O acto estará presentado polo reporteiro da TVG Óscar Cruz e contará con caras coñecidas da canle, actores, presentadores e profesionais do sector audiovisual.

    ‘Lume’, un thriller xornalístico con fondo social e ecolóxico composto por seis capítulos, chegará o vindeiro 20 de xuño  á TVG. Trátase dunha coprodución galego-portuguesa con TVG e a  RTP na parte pública, e co apoio do AGADIC, e de Setemedia e da produtora lusa Coral Vision Europa, na parte privada.

    ‘Lume’ está rodada en galego e portugués e narra a historia de Lucía (Cristina Castaño), unha xornalista galega asentada en Lisboa que regresa á súa localidade natal tras un devastador incendio forestal. Convencida de que o lume non foi accidental, inicia unha investigación que revelará unha rede de intereses económicos e políticos vinculados aos incendios, que porán en risco a súa vida. O actor portugués Albano Jerónimo acompaña a Castaño no elenco, xunto a intérpretes galegos como Alfonso Agra, Xúlio Abonjo e Isabel Naveira.

    A serie, que combina drama, suspense e unha potente mensaxe ambiental, destaca pola súa narrativa intensa e pola beleza dos escenarios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que funcionan como un personaxe máis da historia. A dirección está a cargo de Giselle Llanio e a música é obra da compositora galega Carme Rodríguez.

    Con esta aposta pola coprodución internacional e a ficción de calidade, a TVG reafirma o seu compromiso co audiovisual galego e con historias con vocación global. O Festival Internacional de Series Ría de Vigo, na súa primeira edición, aspira a converterse nun escaparate clave para as series, un terreo no que a TVG ten un gran peso específico tras máis de 30 anos facendo series de ficción en galego.

 

ler máis

A CRTVG pecha as contas en positivo por 16º ano consecutivo, cun superávit de 1,3 millóns de euros

Santiago, 28.05.2025.-   A CRTVG pechou 2024 cun resultado orzamentario positivo por un importe de 1,3 millóns de €, como reflicten as contas anuais presentadas este mércores no Parlamento de Galicia polo seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo. Por 16º ano consecutivo, a CRTVG rematou o exercicio pasado coas contas en superávit.

    Estes resultados orzamentarios consolidados poñen de manifesto a eficacia da xestión e o saneamento das contas. Sánchez Izquierdo lembrou que a actual dirección recibiu en 2009 unha Corporación cunha débeda de 51 millóns de euros, e que coa nova xestión e o control de gastos, e con orzamentos menores que en anos precedentes, xa en 2013 conseguiu eliminar a débeda bancaria, e en anos posteriores seguir reducindo a débeda ata os números actuais. O director xeral incidiu nesta eficiencia na xestión económica, indicando que no 2009 o orzamento fora de 146,9 millóns de euros, mentres que no 2024 foi de 128,2 millóns, “que en valores absolutos son 18,7 millóns menos e actualizados ao IPC acumulado son 28 millóns de euros”.

Cadro de persoal

    Respecto dos recursos humanos e do compromiso sostido coa estabilidade no emprego, o director xeral expuxo que un ano máis seguiu reducíndose a contratación temporal e que, nunha continuación do iniciado coas OPE de 2021, 2022 e 2023, “neste 2024 aprobouse unha nova Oferta de Emprego Público con 10 prazas por concurso-oposición e 9 prazas de promoción interna”. Como resultado, “nos últimos 4 anos a Corporación ofertou un total de 315 prazas, acadando a consolidación do 100% do cadro de persoal” fronte ao 40% de temporalidade no emprego existente ao comezo da súa xestión”. O director xeral especificou que o gasto na partida de persoal ascendeu no 2024 a 54,7 millóns de euros.     
    
Apoio social e audiencias

    Izquierdo referiuse tamén á enquisa sobre a percepción do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia desenvolvida no 2024, que concluíu que case 7 de cada 10 galegos afirman que a TVG cumpre a súa misión de servizo público e teñen unha imaxe de marca positiva da TVG. O estudo sinala tamén que máis de dous terzos da poboación galega que ve televisión son espectadores algunha vez ao mes da TVG e case 8 de cada 10 xulgan a TVG como socialmente útil. Estes datos teñen a súa correspondencia nas audiencias. A TVG pechou 2024 sendo a canle máis vista de Galicia e a autonómica máis vista de España, segundo os datos do Estudo Xeral de Medios, e a terceira autonómica máis vista de España, segundo os datos de Kantar Media.

    2024 foi o ano da creación das tres plataformas dixitais da Corporación: AGalega.gal, AGalegaAudio e Xabarin.gal.  As tres conforman a maior oferta audiovisual de contidos en galego do mundo, e sen custo para o usuario. AGalega.gal   rematou 2024 con preto de millón e medio de usuarios e sendo descargada en máis de 200 países, cumprindo co seu obxectivo de multiplicar o impacto dos contidos da canle e do sector audiovisual galego.

 

 

ler máis

A serie 'Diamante en bruto' e 'Historias a pé de páxina', nas estreas da semana en AGalega.gal

Santiago, 26.05.2025.-  A plataforma dixital AGalega.gal estrea esta semana as series  ‘Diamante en bruto’ e ‘Historias a pé de páxina’. O mércores 28 chega á plataforma a serie galesa ‘Diamante en bruto’, un intenso thriller criminal onde Carbo, un mozo experto en roubo de coches, se ve atrapado nunha rede de crimes, mentiras e segredos tras implicarse nun golpe organizado por unha familia do norte de Gales. Todos os episodios estarán dispoñibles desde o primeiro día.

A quenda da nova serie documental galega ‘Historias a pé de páxina’ será o xoves 29, que recolle feitos, personaxes e anécdotas esquecidas da nosa historia, como o primeiro tranvía a vapor, a vida do limpabotas o Merlo ou a sorprendente conexión entre Dalí e unha empresa galega. Unha colección de capítulos que reivindican o valor das notas marxinais da nosa memoria colectiva.

O domingo 25, coincidindo co Día do Orgullo Friki, estrearanse os dous últimos capítulos do programa ‘Galician Friki’. Nestes episodios explorarase o Starfest de Oleiros, a ExpOtaku da Coruña, o 85 aniversario de Batman e os perfís máis frikis de Nuno Pico e Antón Losada.

Destacan tamén as estreas do martes 27 cun clásico do cine distópico: ‘Brazil’. Neste filme, Sam, un burócrata tímido, descobre o lado máis escuro dun sistema tecnolóxico que controla ata o máis mínimo detalle da vida. O filme estará dispoñible durante 7 días. Ese mesmo día tamén se lanzará un novo episodio do videopodcast ‘Satélite Xabarín’, dispoñible en AGalega.gal e AGalegaAudio.gal. Nesta ocasión o programa revive a historia de Korosi Dansas, unha banda pioneira do ‘rock de batea’ que cantaba ao medio ambiente e á igualdade de xénero. Josito Porto e Manuel Seixas serán os convidados especiais.

A programación complétase coas películas ‘Tempo de matar’ (venres 30), un drama xudicial sobre racismo e xustiza no sur dos Estados Unidos, e ‘París pode esperar’ (sábado 31), unha viaxe emocional e sensorial polas paisaxes, sabores e praceres culturais de Francia.

ler máis

'Antes de Nós', filme participado pola TVG e primeira cinta sobre a figura de Castelao, chega aos cines o venres

Santiago, 22.05.2025.- ‘Antes de Nós’, longametraxe participada pola Televisión de Galicia e primeira sobre a figura de Castelao, chega aos cines este venres 23 de maio. ‘Antes de Nós’ é o segundo filme de ficción de Ángeles Huerta e narra a faciana máis persoal de Alfonso R. Castelao. A cinta descobre momentos únicos do icónico galeguista xunto á súa muller Virxinia Pereira, clave para entender a figura do político. 

Os cines Cantones da Coruña acolleron o mércores a preestrea da película nunha  presentación que contou coa presenza do equipo da película, a súa directora Ángeles Huerta, a produtora Zaza Ceballos, e o guionista Pepe Coira, así como personalidades do ámbito cultural, político e audiovisual. En representación da CRTVG, asistiu o director de Proxección Social, Xaime Arias
 
‘Antes de Nós’ é un drama histórico que explora a vida de Castelao antes de converterse no recoñecido home público, enfocándose en dous momentos clave: o seu traballo como médico durante a pandemia da gripe de 1918 e a súa viaxe á Bretaña en 1929, despois da morte do seu fillo.  Xoán Fórneas e Cris Iglesias encarnan a parella protagonista, que encabeza un elenco formado tamén por Nancho Novo, Aldám Santos Vilela, Manuel Cortés, Isabel Vallejo, Adrián Ríos, Miquel Insúa, Sergio Zearreta e Victoria Teijeiro, entre outros.
 
A rodaxe levouse a cabo en distintos escenarios de Galicia, como Rianxo, Compostela, A Estrada, Muros e Pontevedra. ‘Antes de Nós’ está producida por Retrincos AIE e conta coa participación da TVG e co apoio da Xunta de Galicia e do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), e a colaboración das Deputacións de Pontevedra, Lugo e Ourense, así como do Concello de Pontevedra.

ler máis

O Xetafe-Celta protagoniza o ‘Galicia en goles’ do sábado, na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Santiago, 22.05.2025.-  A temporada toca a súa fin e o ‘Galicia en goles’ prepara unha programación intensa para esta xornada. O venres, ás oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo conduce a primeira edición da fin de semana, con atención especial ao Palencia-Obradoiro de ascenso á Liga ACB e a celebración do Concello da Coruña polos 25 anos da Liga do Deportivo.

O sábado, desde as dúas e media da tarde, Xoán Galán pon en marcha un programa que podería prolongarse ata a madrugada se todo vai ben para o Celta de Vigo, que xoga ante o Xetafe acceder ás competicións europeas do curso 25-26. A derrota ante o Raio Vallecano en Balaídos complicou o pase, pero o equipo olívico segue dependendo de si e mesmo con repetir o que fagan os seus rivais directos chegaría para entrar na Europa League. A Radio Galega contará cun equipo de enviados especiais ao Coliseo, ademais de dispoñer un reporteiro que irá percorrendo os principais locais de Vigo onde se concentrarán centos de afeccionados. Si todo vai ben, o ‘Galicia en goles’ chegará ata a unha da mañá coa festa na praza de América.

Antes do decisivo Xetafe-Celta, a Primeira RFEF estará presente coa xornada unificada a partir das sete da tarde. O Lugo depende de si para asegurar a permanencia matemática, pero debe gañar en Amorebieta. Por si fose necesario, o Ourense podería axudarlle en Pamplona ante o filial de Osasuna. Mentres, o Arenteiro aínda perdendo en Tarragona é difícil que perda a categoría e o Celta Fortuna xoga en Zubieta ante a filial da Real Sociedad co único obxectivo de rematar na sexta praza.

Durante a tarde tamén haberá conexións coa festa das peñas do Deportivo en Riazor, o Albacete-Rácing de Ferrol de Segunda División, o torneo de fútbol base na Pobra e o campionato galego de ciclismo paralímpico desde Friol. Ademais haberá información cada quince minutos do polideportivo, co descendido Básquet Coruña visitando ao Murcia e con Noia, Burela e Parrulo Ferrol decidindo o futuro no fútbol sala nacional.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce menos cuarto con cobertura ao Estradense-Noia de ascenso á Segunda RFEF, xunto á semifinal de balonmán Guardés-Elche e o remate do campionato galego de ciclismo paralímpico en Friol. A partir das dúas e media, a atención estará posta na Romareda, onde o Deportivo visita ao histórico Real Zaragoza que está pelexando pola permanencia e necesita a vitoria para non depender do Eldense. O Breogán-Gran Canaria, da Liga ACB de baloncesto, o Palencia-Obradoiro de ascenso e o enfrontamento de fútbol entre a Sarriana e o Vilalbés completan a oferta de retransmisións da tarde.

A partir das dez da noite, os especialistas de ‘Ao contraataque’ tomarán o mando para analizar todo o sucedido cos nosos equipos durante a fin de semana e ofrecer ademais as entrevistas cos principais protagonistas da fase de ascenso de Terceira á Segunda RFEF.

Audio da Radio Galega nas televisións

Esta xornada os partidos televisados que ofrecerán a narración da Radio Galega nas opcións de audio son os seguintes: Xetafe-Celta, Zaragoza-Deportivo e Breogán-Gran Canaria.
 

ler máis
— 20 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 20 de 109 resultados.

div-crtvg-right1

Publicidade

div-crtvg-right2

Publicidade

div-crtvg-right3

Publicidade

div-crtvg-top2

Publicidade