O mítico dúo Sonia y Selena porá esta noite a bailar o público e a audiencia de 'Luar' - CSAG
O mítico dúo Sonia y Selena porá esta noite a bailar o público e a audiencia de 'Luar'
Tamén están convidadas ao programa as Malvela, a artista pop ecuatoriana Naíza, a orquestra Finisterre e a asociación de música e baile tradicional Vai de Roda

Santiago, 14.11.2025.- ‘Luar’ (21:50 h) contará hoxe coa presenza do mítico dúo Sonia y Selena, que co seu debut hai 24 anos se consolidaron como as reinas do pop latino con ‘Yo quiero bailar’, un tema que bateu récord de ventas e se converteu nun éxito en España e en América Latina, e que interpretarán no escenario do programa. O público e a audiencia tamén poderán gozar de hits como ‘Deja que mueva, mueva’.
O espazo da TVG tamén convidará este venres as Malvela para preguntarlles polo accidente que tráfico que sufriron hai uns días e, por suposto, para escoitalas cantar. Este grupo, nado hai máis de 20 anos coa unión de varias mulleres da parroquia mosense de Sanguiñeda, guiadas pola artista Uxía Senlle, sorprendeu o panorama galego, demostrando que a música non sabe de idade nin de fronteiras.
Ademais, ‘Luar’ ofrecerá a actuación de Naíza, unha artista pop ecuatoriana cunha proposta honesta, fresca e poderosa. A súa música mestura sons globais con letras directas sobre amor propio, traizón e transformación persoal. Ao longo da súa carreira, abriu concertos de artistas como Justin Bieber, Shakira, Maluma e Marc Anthony, entre outros.
O cartel musical desta noite complétase coa orquestra Finisterre e coa asociación de música e baile Vai de Roda, un colectivo xurdido hai máis de dúas décadas en Rianxo e convertido nun dos grandes clásicos no panorama da música tradicional galega.
Como é habitual, tamén haberá tempo para o humor no programa desta semana, coa presenza de Sabela Grilo, o personaxe interpretado por María Foscaldo, centrada hoxe nos xeitos de aforrar que se poderían acometer en ‘Luar’, e do ‘chapuzas’ Lalo Penelas, en cuxa pel se mete o actor Xosé A. Touriñán. Ademais, visitarán o estudio os compañeiros e compañeiras de dúas das estreas desta semana na programación da TVG: a serie ‘Era Visto! A Choupana’ e o espazo ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’.
No tempo de ‘Recantos’, hoxe será a quenda de Flor Becerra, representante da comarca Galicia centro, e de Marcos Otero, procedente de Vigo. Ademais, dous dos xurados do concurso, Nuria Lorenzo e Manuel DeAndrade, cantarán xuntos ‘Eu só lle pido a Deus’.