div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Córdoba-Deportivo protagonizará o 'Galicia en Goles' durante a tarde do domingo na FM da Radio Galega

O sábado tomará o mando o fútbol da Primeira RFEF, cos partidos Pontevedra-Mérida, Ponferradina-Lugo e Celta Fortuna-Tenerife

AGalegaAudio.gal emitirá íntegro o Murcia-Breogán de baloncesto

csag.gal 13/11/2025 17:00

Santiago, 13.11.2025.-    Chega outra fin de semana chea de deporte á programación da Radio Galega, tanto na FM como na plataforma AGalegaAudio.gal. O venres, a partir das 20:30 h, Roberto Carlos Carballo prestaralles atención, na primeira edición da semana de ‘Galicia en Goles’ a tres citas: Deportivo-Levante, da Primeira de fútbol feminino; España-San Marino, de clasificación para o Europeo sub-21; e Básquet Coruña-Melilla, da Primeira Federación de baloncesto.

O sábado, a partir das 14:15 h, tomará o mando o fútbol da Primeira RFEF. O Pontevedra recibe en Pasarón o Mérida co obxectivo de sumar a quinta xornada puntuando, o que significaría achegarse un chisco máis á zona da fase de ascenso ao fútbol profesional. Logo chegará o derbi dos Ancares no Toralín, entre a Ponferradina e o Club Deportivo Lugo.

Pola noite, o interese estará posto no Heliodoro Rodríguez López, co enfrontamento entre os dous primeiros clasificados do grupo primeiro. O Celta Fortuna defende o segundo posto ante o líder, o Tenerife, tras remontar en 45 minutos tres goles ante o Talavera. Se é quen de gañar, o cadro que prepara Fredy Álvarez pasaría á primeira posición.

A tarde tamén estará aberta a outras disciplinas deportivas con cobertura no ‘Galicia en Goles’. Así, o balonmán estará presente desde o Gatañal co Cangas-Valladolid da Liga Asobal. No fútbol sala, o protagonismo será para o Noia-Inter desde o pavillón Agustín Mourís.

Xa o domingo, a edición matinal principiará ás 12:00 h co seguimento da xornada de clausura dos Special Olympics que se desenvolven esta semana en Ourense. O fútbol sala tamén estará presente na Malata, onde o Uni Ferrol xoga ante Córdoba na Primeira masculina. 

A partir das 14:15 h, o interese pasará polo estadio Arcángel coa visita do Deportivo da Coruña ao Córdoba defendendo a segunda praza de ascenso directo á Primeira División. A tarde de retransmisións complétase co Ourense C. F.-Guadalaxara, o Athlétic de Bilbao B-Arenteiro e o Rácing de Ferrol-Zamora, xunto ao resto do calendario galego nas competicións dependentes da Federación Española.

Baloncesto en AGalegaAudio.gal

O domingo pola tarde, desde as 18:00 h, Alfonso Pardo e Roberto Anidos contarán de xeito íntegro na plataforma AGalegaAudio.gal o partido da Liga ACB de baloncesto entre o Murcia e o Breogán de Lugo. Tras seis xornadas de competición, os galegos acumulan dúas vitorias e catro derrotas, mentres o rival ocupa a terceira praza, con cinco triunfos e só un resultado adverso.

#GaliciaEnXogo

A última hora do domingo estará dedicada ao proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás 23:00 h, Rodrigo Pérez actualizará toda a información do motor galego e ás 23:30 h Toni López conversará con algúns dos deportistas galegos que traballan para estar presentes nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade